986 27 11 87 info@avcalvario.org

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, e co obxectivo de fomentar o uso do galego, a Asociación de Veciños do Calvario organiza este certamen de poesía que terá lugar o 16 de maio ás 18:00 horas no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, ubicada na Avda. Emilio Martínez Garrido, 17.

BASES DE PARTICIPACIÓN
1. O certame vai dirixido a todo o público en xeral.
2. As poesías presentadas deberán ser: orixinais, inéditas e escritas integramente en galego. No poema terá que figurar obrigatoriamente o seu título ou denominación. Presentaranse obrigatoriamente mecanografadas.
3. A temática será libre. Cada poesía deberá ter unha extensión máxima de dúas follas, escritas por unha soa cara a dobre espacio. Só poderá estar formada como máximo por 50 versos.
4. As poesías presentaranse, baixo pseudónimo, nun sobre pechado. Dentro do sobre figurarán ademáis da poesía, outro sobre pechado cos datos persoais do participante, o número de teléfono e unha fotocopia do D.N.I. Entregaranse no local a Asociación ( Avda. E. Martinez Garrido,12) ou ben a través do correo postal.
5. Soamente se poderá presentar unha poesía por persoa.
6. O prazo de entrega dos poemas rematará o MÉRCORES 8 DE MAIO DO 2019 ÁS 20:30 H.
7. Haberá TRES PREMIOS e estarán dotados dunha contía económica e do correspondente diploma: Primeiro premio 300€, segundo premio 250€ e terceiro premio 150€. Os premios están suxeitos a retencións do IRPF, de acordo coa lei correspondente.
8. A AVV do Calvario porase en contacto cos premiados para facerlle a entrega dos premios nun acto que terá lugar o día 16 de maio do 2019, segundo está reflectido no parágrafo primeiro deste escrito.
9. Os premiados deberán asistir e recoller os premios persoalmente, ou ben designar a alguén, debidamente acreditado, que os recolla no seu nome.
10. O xurado estará composto por un representrante do” IES Castelao”, un representante da “ Escola Oficial de Idiomas”, un representante do Colexio Pombal, un representante polo ensino privado da academia Gal Víctor e dous representantes da AVV Calvario.
11. Os premios poderán declararse desertos de non haber un mínimo de 12 participantes, ou se o xurado así o ditaminase.
12. Os poemas orixinais non premiados non serán devoltos aos seus autores.
13. Os autores cederán os poemas á AVV Calvario e esta resérvase o dereito de publicación, uso ou divulgación das obras recibidas, sempre e cando se faga sen ánimo de lucro.
O acto de entrega do CERTAME DE POESÍA será amenizado por CORAL POLIFÓNICA E GRUPOS DE CANTO E BAILE. Tamén se recitarán TEXTOS REPRESENTATIVOS DA NOSA POESÍA por parte de poetas e poetisas da cidade. A celebración deste evento cultural ten por finalidade a promoción, conservación e difusión da nosa lingua, especialmente entre os máis pequenos.